Anuncia Zapatero que non estará no reparto en 2012 e as especulacións abrasan as tertulias coa incógnita de se X ou Y. O que non está en discusión é o libreto, ese será o de sempre, o guión neoliberal que se aplica indistintamente en todos os Estados da UE, porten os protagonistas da función fato conservador ou socialdemócrata.
ZP acabou sendo ZapaBlair, describiu a mesma traxectoria meteórica e a mesma queda súpeta que o líder do Labour Party, caída e auxe de Reginald Perry, de aparecer mesmo en algún título cinematográfico como icona internacional a ser despachado abruptamente por ignotos baróns do seu partido. Apenas 7 anos para unha combustión tan célere como as novas-vellas tecnoloxías. É o que o ten a política espectáculo: que o público acaba aborrecendo a quen satura tanto o primeiro plano.
A cultura do fulanismo xa fede. Agora recíclana os esforzados rapaces do Tertulian Party en ditirambos sen medida con X ou Y como destinatarios. Depende da tertulia que oias. A este paso @s candidat@s a suceder a ZapaBlair comparecerán sponsorizados polos mass media que os patrocinan.
Cambian os actores, mais non o guión. Este continúa a ser plenamente congruente cos mandatos de Botín. O Comité Executivo da Burguesía pode cambiar de xinete, pero non de cabalo. O cabalo neoliberal continúa desbocado. Vai a por todas. Agora vai a pola negociación colectiva. Traducido significa que o obxectivo é debilitar aínda máis o movemento sindical e buscar o corpo a corpo empresa-traballador, un corpo a corpo tan desequilibrado a favor da Patronal como un Barcelona-Almería. Con Rajoy ao frente ou con X ou Y, as cousas continuarán a pintar mal para as maiorías sociais e para os países como Galiza. Mais hai alternativa. Hoxe viuse nas rúas de Madrid, con miles de sindicalist@s galeg@s a defenderen outro modelo. A alternativa pasa por cambiar reparto e libreto, pasa por Democracia, Autogoberno e Benestar.
0 comentários:
Postar um comentário