Abraio é o que produce ver como avalían as principais cabeceiras do mundo o que obxectivamente constitúe unha das noticias de maior envergadura dos últimos 30 anos: a de que unha superpotencia capitalista rexista un accidente nuclear equiparábel ao de Chernóbil.
Pasmo porque a admisión por parte das autoridades xaponesas de Fukushima ser xa un segundo Chernóbil non merece hoxe a consideración de noticia de abertura a 5 columnas nas edicións dixitais de rotativos de referencia planetaria como Le Monde, The Guardian ou The New York Times.
Ningún destes meios abre con esta nova.
Décadas aturando ladaíñas
Normal, levamos décadas aturando a ladaíña que identificaba Chernóbil coa inviabilidade dun determinado sistema económico alternativo ao dominado polo capital, aturando a leria de que a enerxía nuclear claro que é viábel, pero a condición de que sexa un negocio privado.
Non quedáramos en que a catástrofe de Chernóbil (26 de Abril de 1986) tiña como orixe o atraso tecnolóxico da URSS? Non quedáramos en que puña en evidencia que o sector público non é quen de xestionar materias tan sensíbeis como a nuclear?
25 anos depois de Chernóbil, en plena crise do capitalismo globalizador, estoura Fukushima -xestionada por unha empresa privada- e a noticia dáse cunha asepsia extraordinaria. No mellor dos casos, preséntasenos como un suceso de carácter tecnolóxico, sen nengunha leitura política alén de certo ton racista á hora de avaliarmos desde perspectivas eurocéntricas o perfi psicolóxico dos nipóns.
Catástrofe e refutación
Fukushima non só é unha catástrofe -apocalipse, dixo un portavoz da UE-. É tamén a refutación dunha mitoloxía tecida polos arautos da globalización capitalista.
Aquí o problema non está na forma de propiedade das centrais nucleares -pública ou estatal- nin no nível de desenvolvimento das forzas produtivas -loxicamente hoxe superior a 1986-, o problema está na propia enerxía nuclear, que de seu é letal e non segura.
A Humanidade non se pode permitir un Chernóbil cada 25 anos. Hoxe, coa información e o coñecimento científico do que dispomos, non é posíbel ter unha posición minimamente progresista no mundo se non se defende o desmantelamento de todas as centrais nucleares. Esa é a posición histórica do nacionalismo galego, que neste asunto tamén é Alternativa.
0 comentários:
Postar um comentário