O PP é unha máquina de propaganda. De propaganda e de política lixo. De propaganda: vende como un éxito sen precedentes os resultados das municipais 2011, cando a realidade dista muito diso. Un feixe de dados obxectivos confirman o que digo. O 22-M, as candidaturas do PP, partido que goberna a Xunta e que vai dacabalo da grupa da crise rumo á Moncloa, obtiveron o 44,84 por cento do voto. Unha percentaxe claramente inferior á que acadou nas galegas 09 (1,84 por cento de votos menos), o que supón que o PP se deixou polo camiño 79.611 sufraxios. Argumentarase que nas municipais concorren candidaturas independentes de dereitas e bla, bla, bla. De acordo, mais a serie histórica mostra que, tamén con candidaturas independentes en danza, o PP obtivo nas municipais de 1995 o 47,9 por cento do voto, máis de 3 puntos por enriba do rexisto do 22-M. Tamén nas municipais de 1999 a colleita dereitista foi máis abastada: o 45,4 por cento dos sufraxios.
En conclusión, menos lobos, señor Feijóo, e máis humildade, e menos arrogarse a condición de partido-total, de partido-sociedade. Sobre censo, as papeletas do PP (709.816) representan o 30 por cento das galegas e dos galegos (2.317.709 tiñan dereito a voto). Esa é a representatividade real do PP que, como o resto das forzas políticas galegas, é unha minoría dentro da sociedade galega. Podemos dicir que é a minoría maioritaria, mais non deixa de ser unha minoría.
Sei que se dirá que o BNG é máis minoritario aínda. Os nacionalistas sabémolo sobexamente. Coñecemos a nosa sociedade. Andamos no medio dela. Non nos chamamos a engano e somos os primeiros en humildemente aceptar o veredito do pobo. Ocorre que aspiramos modestamente a transformar esta sociedade, porque pensamos que polo camiño que vai non vai a sitio bon ningún.
Só unha cousa máis: o BNG si estivo máis ou menos nos números das galegas 09 (foi a única das tres forzas políticas con representación parlamentaria que o conseguiu -en percentaxe mesmo foi superior o rexisto do 22-M, 16,50 face o 16,01-; o PSOE cedeu 5 puntos porcentuais e nada máis e nada menos que 113.030 votos). E teño para min que o BNG foi un factor decisivo á hora de frear o Partido Popular (Pontevedra é o exemplo paradigmático: o PP perde un concelleiro e 2.000 votos na cidade de Rajoy!) e de lograr que a dereita española ficase na Galiza bastante por debaixo do seu teito histórico.
0 comentários:
Postar um comentário