A non concesión de grupo a Amaiur ten ademais efeitos colaterais absolutamente indesexábeis e, como apuntaba Fernando Onega nun artigo en La Voz de Galicia, vitimiza entre outros a Galiza. Negar o grupo parlamentar á esquerda soberanista basca equivale a desprazar os seus 7 deputados ao grupo mixto. Isto vai dificultar enormemente a operatividade dese grupo, no que está integrado a única forza política que ten o seu centro de decisión en Galiza, o Bloque Nacionalista Galego. Como consecuencia, o BNG terá máis difícil a súa actuación no Parlamento do Estado e, portanto, Galiza terá problemas para amplificar as súas demandas en Madrid (problemas que, estou convencido, Jorquera e Olaia minimizarán coa súa probada capacidade de traballo).
Rajoy anunciaba onte "medidas non gratas" para a maioría social do Estado español. Medidas que se coidou moi moito de explicitar na campaña. Iso en termos políticos é unha fraude, un engano masivo. Así é a democracia española: un pode chegar á presidencia do Goberno sen dicer en campaña o que vai facer unha vez acceda ao poder. Rajoy pediu un acto de fe: crede en min, aínda que non vos diga o que vou facer. A súa lexitimidade (tena do ponto de vista formal) non é racional, senón mística-irracional, a que nun rexime autoritario se outorga ao Xefe, ao caudillo. Nunha democracia non é tolerábel a non dación de contas, tanto previa (antes de asumir o goberno) como posterior (despois do exercicio do poder). Volto ao principio: temos unha democracia de baixa calidade e por iso é posíbel que Rajoy sexa presidente de forma irracional e por iso é posíbel que as elites dominantes neguen a Amaiur o grupo parlamentar e, de esguello, poñan paus nas rodas de Galiza no Parlamento do Estado.
0 comentários:
Postar um comentário