quarta-feira, 21 de dezembro de 2011

Conclusións da investidura

O continuismo coa política do PSOE, cun sotaque algo máis dereitista, é o trazo definitorio do programa co que Rajoy lidou a súa investidura. Nada surprendente: o Estado español neste momento é un protectorado de Alemaña e a efeitos da política económica PP e PSOE son practicamente intercambiábeis. Non é que manden os mercados en abstracto: é que manda a chanceler alemá. A día de hoxe a UE é unha estrutura imperial máis, como Merkel e o seu asistente francés non se recatan en pór de manifesto cada vez que fican a tomar café para redixir un novo diktat Zapatero comezou a cavar a súa foxa cando aceitou a imposición dun brutal recorte de 15.000 millóns de euros no gasto público. Rajoy debutou anunciando unha amputación aínda maior, 16.500 millóns de euros se cadran as contas de aquí ao final de ano e outros 10.000 a maiores se ao final se descubre (ou inventan) un déficit superior ao do 6 por cento.

Continuaremos pois coas políticas deflacionarias e monetaristas que precisa o Reich para que o euro continúe sendo o marco alemán. Con esas políticas é imposíbel que saíamos da crise cun mínimo de xustiza social. Rajoy non só anunciou recortes: tamén trompetou un novo proceso de fusións bancarias. Iso significa que o capital se vai concentrar aínda máis nun proceso de oligopolización que pola súa intensidade carece de precedentes. Como Rajoy nos convida a chamar ao pan, pan e ao viño, viño, farei o propio: o que estamos a viver é o endurecimento da hexemonía do capital financeiro monopolista, disposto a controlar todo o excedente económico, embora sexa a custa da depauperación da inmensa maioría das populacións e nomeadamente dos sectores populares (aos que vai camiño de se sumar unha pequena burguesía cada día máis empobrecida).

Neste contexto foi moi meritoria a intervención de Francisco Jorquera no debate de investidura. Defendeu con dignidade Galiza, a Democracia e a inmensa maioría social da nosa nación. Superou o corsé do debate, que outorga unha enorme vantaxe ao candidato á presidencia, e puxo en evidencia as inconsecuencias e a demagoxia do PP. O BNG saiu do debate fortalecido como a única Alternativa real en Galiza a un Partido Popular que se limita a cumprir as ordes de Berlín.

0 comentários: