Quen nos vale deste Valedor, quen nos defende del e, por extensión, do Goberno que o ampara? O Valedor do Pobo é unha figura invisíbel na sociedade galega agás para unha cousa: para bater inmisericordemente contra a lingua galega. Niso o seu entusiasmo é máximo. Igual acontece co Goberno: invisíbel na loita contra o paro, inasequíbel ao desalento na loita contra a lingua galega.
Hoxe volta Queremos Galego a saír á rúa a defender a lingua contra as institucións que sen a súa existencia probabelmente nin existirían. Ese é o dramático paradoxo de Galiza: temos autogoberno como Catalunya e Euskadi pero como sociedade non reaximos nin por asomo de idéntico modo. Non vivamos enganados: un Valedor do Pobo como este sería inconcebíbel en Catalunya e en Euskadi. Un goberno como o de Feijóo sería inconcebíbel en Catalunya e en Euskadi.
O nacionalismo traballa para transformar esa realidade, por orgullo e por dignidade nacionais. Fai falta máis conciencia nacional no noso país. Fai falta máis nacionalismo. Fai falta transformar a sociedade para que aquí tamén sexa inconcebíbel que persoas empoleiradas polos votos populares e sustentadas cos impostos de todos se dediquen a destruír aquilo que nos identifica como o que somos, galegas e galegos.
0 comentários:
Postar um comentário