sábado, 17 de dezembro de 2011

A falacia da tecnocracia

O sistema de deformación da realidade -o aparato de propaganda da globalización capitalista- está a acadar un degrao de sofisticación con moi poucos precedentes na historia (habería que retrotraernos aos delirantes partes de guerra da Alemaña nazi nos estertores da II Guerra Mundial para acharmos algo semellante). Caso paradigmático é o do novo goberno italiano, goberno imposto directamente polo capital financeiro transnacionalizado. En toda a imprensa oficial ese goberno aparece alcuñado como "tecnocrático", isto é, un goberno non rexido por ningunha ideoloxía, senón un goberno que axiría por imperativos técnicos. A ideia subxacente a este discurso é que tecnicamente só hai unha forma de actuar ante a crise, o cal significa que estariamos debruzados perante unha sorte de tecnocracia totalitaria: de igual xeito que só hai unha forma de resolver as raíces cuadradas, só habería un medio de enfrentar a actual situación.

Todo isto é simplesmente un ideoloxema, porque ese goberno tecnocrático -goberno tecnocrático, non o esquezamos, foi o que preparou a transición do franquismo cara ao actual réxime, atado e ben atado- o que propón é a estensión até o paraxismo da política de recortes que no Estado español practicou a socialdemocracia (cos resultados eleitorais comprobados o 20-N). Se Zapatero retallou 15.000 millóns de euros por esixencias do guión dos mercados, Monti -ex goldman sachs- vai retallar o duplo. Non é tecnocracia: é neoliberalismo puro e duro.

O que resulta máis desolador non é a falsificación terminolóxica -que a dereita se embosque detrás da técnica- senón a virtual carencia de alternativa nun país que chegou a ter unha forza política prosocialista co 30 por cento dos votos populares detrás. O papelón da esquerda oficial en Italia, como no Estado español ou en Portugal, mete verdadeiramente medo. Aquí impuxeron os recortes, en Italia votaron a favor dos propostos por Monti.


0 comentários: