Hoxe comeza o debate de investidura de Mariano Rajoy como presidente do Goberno do Estado. Nel vaise escenificar, máis unha vez, a impostura do bipartidismo. PP e PSOE, que na práctica conforman unha grande coalición na sombra, finxirán seren alternativas políticas distintas e deitarán no debate unha manchea de antagonismos como forma de dotar de lexitimidade a un réxime que comeza a dar sinais de esgotamento (tanto que até se están a abrir fendas na blindaxe que desde a súa instauración veu desfrutando a borbónica monarquía). Puro teatro. Todos sabemos que política vai facer Rajoy e todos sabemos que oposición vai facer o PSOE. A política pactárona ao acordaren conxuntamente a neoliberal reforma da Constitución. A prioridade absoluta é o pagamento da débeda externa. Todo, absolutamente todo, debe supeditarse a iso, a cumprir coas obrigas frente á grande banca internacional.
A neoliberal reforma da Constitución impón unha política económica deflacionaria, portanto, procíclica, isto é, o estancamento das forzas produtivas continuará e non se criará emprego de forma significativa no medio prazo. Isto xa o recoñecen os dirixentes do PP, que sen enrubescerse falan de finais de 2012 como prazo para comezar a reducir as cifras de paro. Entre eles, Feijóo, que pasou de anunciar a fin da crise en 45 días a estender un cheque en branco ao Goberno Amigo para que vaia arranxando o asunto canto antes, pero sen abafar a ninguén que isto está moi difícil, que diría Arsenio.
O de Rubacalba é de nota. Promete unha oposición construtiva (?) e apoio á política económica sempre e cando non se aproveite a crise como coartada para recortar os dereitos sociais. E logo que fixo se non iso o PSOE nos últimos anos de goberno Zapatero? Xa tivemos un anticipo do que entende Rubalcaba por oposición construtiva: a de non deslexitimar co seu voto negativo (vímolo no debate na Mesa sobre o dereito de Amaiur a dispor de grupo propio) o vendaval antidemocrático do PP.
Alternativa haina, claro que si, mais para escoitala teremos de agardar a que tome a palabra no debate Francisco Jorquera, o portavoz do BNG no Congreso.
0 comentários:
Postar um comentário