sexta-feira, 9 de dezembro de 2011

Os neoliberais xogan todo a unha carta

Mudo deseño e volto a sachar nesta leira após case medio ano de ausencia, enleado noutras redes. Está claro que todo se move e que non hai forma de parar nada. Está claro que a historia non se detén e que Fukuyama expresaba coa súa profecía quietista o desideratum de todo reaccionario, felizmente derrotado. Os últimos desenvolvimentos son á vez inquietantes e promisorios: os neoliberais xogan todo a unha carta en Europa e a propia lexitimidade do réxime está en cuestión. O PP fica sen a súa coarctada favorita, a coarctada Zapatero. E Merkel fica tamén sen a súa, agora que toda a UE, agás o portavións norteamericano que comanda Cameron, asume na práctica devir nunha confederación de lánders co centro de decisión en Berlín. E que pasa se nada disto funciona? Cal é o plan B?

En todo caso, xa que o quietismo ficou desmentido e que hai forzas desatadas que non se conforman con gañar por goleada (queren a destrución do adversario, a inhabilitación para o resto do campionato), o que cómpre é que abalemos nós tamén o edificio e que o fagamos no sentido xustamente contrario ao que imprimen os famulos do capital financeiro. Esta mesma tarde, escoitei na Ser unha entrevista con Diego López Garrido, disque máximo responsábel político do Goberno español ante a UE. Estaba exultante, non se sabe exactamente por que (en realidade, defendeu en Bruxelas a política que agora fará Rajoy, indistinguíbel da que fixo nesta materia Zapatero, as cousas como son). Juan José Millás premeuno con perguntas de ar aparentemente cándido mais cheas de sentido. Unha foi directa ao corazón: inqueriuno sobre que aspectos van resultar claves para sabermos se os acordos de Bruxelas son positivos ou non. López Garrido abaneou predecibelmente e findou por recorrer aos inefábeis mercados, desta volta chamados por el co eufemismo de "inversionistas". Se os "investidores" (que o son porque se fixeron co excedente producido polo traballo, non polo capital, e porque se benefician dunha política fiscal que os ten declarado virtualmente isentos do pagamento de impostos) se animan, pois mel nas filloas. Se non, pois xa sabemos: haberá que ceder aínda máis soberanía, aínda máis benestar, nun círculo infernal ao que non se adiviña límite.

Nesta altura, as forzas políticas sistémicas traballan descaradamente para beneficiar os "inversionistas". López Garrido podería tranquilamente continuar baixo a Administración Rajoy a mesma política que practicou con Zapatero. Ten máis de lobbyista que de político, calquer ponto de contacto entre el (e quen di el, di tamén o partido que acaba de gañar por maioría absoluta) e os intereses da maioría social son pura coincidencia. El e os seus xa moveron ficha. Agora tócanos a nós.

0 comentários: