O capital quer máis madeira: máis plusvalía barata. A patronal formula agora a proposta dun contrato lixo, 400 euros, claramente por debaixo do salario mínimo interprofisional. Minijobs, chámanlles anglicistas. Estamos nunha crise que ten entre as súas causas xeratrices a inxusta distribución da renda. Non sairemos dela profundando a inxustiza. Ao contrario: agravarémola. Pero o capital non entende de xustiza, o capital axe consoante a unha única lóxica, a da acumulación a curto prazo. Mas mesmo esta perspectiva é incerta con esta estratexia: contratos de 400 euros, os novos 400 golpes, deprimirán aínda máis a demanda interna. A chave para deixarmos atrás a economía lixo non é a criación dun exército de traballadores pobres. A chave está xusto no contrario: en desandar o andado e en restituír a riqueza perdida polos salarios no reparto da renda nacional (cada vez máis desequilibrado a favor do capital).
A palabra en primeira instancia tena a dereita política que goberna o Estado e que goberna tamén Galiza. A segunda tena a sociedade, co horizonte da mobilización como único posibel e desexábel.
0 comentários:
Postar um comentário